En este momento estás viendo «Valentina» ou o mellor filme de animación para fomentar a inclusión entre os nenos

«Valentina» ou o mellor filme de animación para fomentar a inclusión entre os nenos

  • Autor de la entrada:
  • Categoría de la entrada:Prensa

LA VOZ
VILAGARCÍA / LA VOZ

224 nenos de Vilagarcía poderán ollar a película de Chelo Loureiro sobre a viaxe máxica dunha nena con síndrome de Down

Valentina non é unha película sen máis. O filme, de factura galega, fíxose o ano pasado co Premio Goya á mellor longametraxe de animación. Dirixida por Chelo Loureiro, esta fermosa historia está protagonizada por unha nena con síndrome de Down que pensa que nunca chegará a ser trapecista. Porén, ao longo dunha viaxe máxica descubrirá todo o que, en realidade, é quen de facer e aprenderá que nunca debe perder a ilusión nin as gañas de coñecer. O traballo relata o xeito no que Valentina aprende, se relaciona e evoluciona. Como calquera outra persoa, sen fomentar nin compaixón nin admiración, senón algo moito máis fondo e xenuíno: a empatía e o respecto.
Toda a súa carga de valores vai ser aproveitada pola concellería de Educación de Vilagarcía para fomentar a inclusión entre 224 pequenos alumnos de diferentes centros educativos da cidade, que hoxe teñen a ocasión de ollar a película no auditorio municipal da capital arousá. O departamento que dirixe Argimiro Serén distribuíu entre os colexios unha serie de unidades didácticas deseñadas, especificamente, para abordar esta cuestión a través dos contidos do filme. Este material foi o que permitiu que os profesores e os nenos, de 3.º curso de Primaria, traballasen previamente nas aulas.
A longametraxe predica co exemplo. Valentina foi dobrada por dúas mozas de doce anos con síndrome de Down: Lucía Serén, na versión en galego, e Josephine Lockhart, na castelá. Nani García, Emilio Aragón, María Manuela, Uxía, Pilocha e Andrés Suárez colaboraron no eido musical.

Ver enlace da noticia en La Voz de Galicia